Thursday 18 de April de 2024

O PSOE de Trazo advirte do perigo viario no que quedou a ponte de Santa Eufemia tras a súa ampliación e pídelle ao Concello o seu arranxo


Os socialistas indican que a empresa adxudicataria deixou gravilla solta no firme ampliado, que a estrada presenta uns altibaixos perigosos e que a curva continúa mal peraltada
O PSOE de Trazo vén de trasladarlle ao Goberno local o perigo para o tráfico viario no que se atopa a ponte de Santa Eufemia (Vilouchada), despois dunha mala execución das obras de ampliación realizadas polo Concello de Trazo ao abeiro do proxecto “Ampliación da ponte en Santa Eufemia e camiño en Sartegos”, incluído no Plan Único da Deputación da Coruña e nas investiu 52.826,02 euros. “Calquera pode ver que as obras de ampliación da ponte de Vilouchada quedaron moi mal e non poden seguir así porque son un perigo para os condutores, polo que lle volvemos pedir ao Concello de Trazo o seu arranxo”, explica a voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez.
As obras consistían na ampliación lateral en catro metros do pontón de Santa Eufemia, mediante formigón prefabricado. Sen embargo, a mala execución dos traballos fixo que a día de hoxe haxa gravilla na zona da ampliación, incluso en lugares onde antes había aglomerado, que o firme presente numerosos altibaixos e que a perigosa curva que deu orixe á esta actuación siga nas mesmas ou peores condicións ca antes. “É preciso mellorar as medidas de seguridade neste punto, pois non podemos esquecer que si se fixo esta obra é porque se trata dun punto perigoso para a circulación, polo que é urxente que o Concello tome todas as medidas necesarias para garantir a seguridade viaria de condutores e peóns”, apunta a voceira do PSOE de Trazo.
Desinterese do Concello
Os socialistas xa deron traslado desta necesidade en varias ocasións á alcaldesa de Trazo, a última na última sesión plenaria, sen embargo “a alcaldesa intenta evadir a cuestión dicindo que o proxecto é de antes do seu mandato, cando o certo é que o proxecto se fixo cando ela era concelleira de Urbanismo e que o contrato foi asinado por ela, xa como alcaldesa, o 7 de agosto do ano 2019”, puntualiza Domínguez Siaba, quen conclúe que “é unha chapuza propia dun mal Goberno que sigue gobernando polo espello retrovisor e que, ao paso que van, están facendo bo ao seu anterior compañeiro”.
“Por riba o seu tenente de alcaldesa atreveuse a dicir no Pleno que aínda había que agradecerlle ao contratista que fixo máis do que ía no proxecto, pois ben lle poderían ter dito que fixera unha obra de calidade e nunhas condicións óptimas de seguridade”, lamenta a voceira municipal socialista, quen indica “ata as marcas viarias están mal pintadas e a chapuza chega incluso a que chegaron a reciclar o cartel da obra da Deputación, onde se pode ler que a actuación se fixera en Corcubión”.

Os socialistas esixen unha actuación urxente por parte da alcaldesa pois lembran que se trata dunha zona onde se produce un estreitamento da calzada que, unido á posterior curva pechada e á situación actual da zona, fai que o tramo teña unha seguridade viaria moi baixa. Unha situación que se complica no inverno, momento no que o xeado do firme xa ten producido vairas saídas de estrada a distintos vehículos e mesmo ao autobús do colexio, tal e como recolle o propio proxecto de obra elaborado polo Concello de Trazo. “Non poden mirar para outro lado dicindo que o proxecto é do Goberno anterior. Os de antes son os de agora, son os mesmos, non hai escusa posible. Trazo é un singoberno antes e agora”, lamenta Beatriz Domínguez.